Page Graphics

miércoles, 9 de junio de 2010

Adeus.

As veces acordas e pensas que todo mudou, mais en canto sentas no borde da cama volve esa dor ao corazón, ese repique de lembranzas; ollas cara a xanela e o sol bate con tódalas súas forzas nos teus ollos. A bágoa que roldaba pola conca do ollo reflicte toda a súa luz e volves pensar en todo o que botas en falta. As saudades apodéranse, gostabas de ver chover, de correr e correr por aqueles bosques verdes, regatos, fentos e pozas... a felicidade do lume de mañá na cociña de ferro, o pan da casa feito no forno de leña ou os raios do sol que atravesan as nubes grises que non son síntoma de tristeza se non de esperanza.
Segues pensando que como é que che veñen esas imaxes a cabeza cando o único que tes no corazón é a dor de perdelo. Voltas e máis voltas ao mesmo tema, sen explicacións, despois de tantos anos á espera da felicidade... Viu ate aquí mais xa non era el. Mudou, sentes como se a persoa que amabas, coa que soñabas cada noite, morrera e non tiveras oportunidade de voltar a namoralo; non merece a pena porque el xa non existe. E doe porque aínda podes velo, sentado fronte a ti, a súa cara e as súas mans; mais xa non son os seus beixos nin as súas caricias. E é nese intre cando perdes toda ilusión, choras por cada minuto que tiñas deseñado e que non vai acontecer. Tardas días, semas e meses en tentar esquecelo de novo, e custa, custa moito; e non consegues e pensas que non existe solución. Mais co paso do tempo saes, a cabeza volve a tratar outros temas e o corazón consegue ter outro ritmo.
Aínda dormes e acordas con a sensación de perdelo, sen embargo todos os recordos mantense, como rescoldos dun fogo morto. Ouvir unha canción, ver unha fotografía ou rememorar os momentos especiais doe, veste obrigada a lembrar mais co tempo consegues manter fóra todo o malo e conservar a ledicia e a saudade dos recordos.

No hay comentarios: